Monday 06 de May de 2024

Feijóo avoga por unha democracia anovada que concilia ideais e políticas concretas e eficaces


Aposta por unha democracia “que admite erros e os corrixe; que asume que hai rumbos equivocados e os reconduce sen poñer a nave en risco”

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou por unha democracia anovada que concilia ideais e políticas concretas e eficaces. “Esas foron as dúas forzas motrices da democracia, e eses teñen que seguir sendo os eixos dunha democracia anovada. Unha democracia que admite erros e os corrixe; que asume que hai rumbos equivocados e os reconduce sen poñer a nave en risco”, dixo.

Durante o acto solemne de ingreso de José Manuel Romay Beccaría, presidente do Consello de Estado, na Real Academia Galega de Xurisprudencia e Lexislación, Feijóo afirmou que os tempos requiren dunha política que xunte “o espírito de Don Quixote e de Sancho”. “Precisa distinguir os xigantes dos muíños, pero sen abandonar a paixón e os grandes ideais. Vivimos nun mundo que reclama eses dous planos da realidade”, incidiu.

Nesta liña, aseverou que o novo membro da Real Academia Galega da Xurisprudencia e Lexislación é un modelo de home comprometido coas grandes ideas e os bos actos. “E, así é como se constrúe un país, tamén desde o ámbito xudicial. Así é como construímos entre todos Galicia e España”, aseverou.

“Romay Beccaría podía ter optado polo camiño que leva á mera reflexión política; puido escoller o roteiro da política núa de complicacións. Pero non quixo ser nin un político, nin un pensador unidimensional. E acertou, e grazas a ese acerto, a transición española e a galega, contaron cun gran home de Estado”, concluíu.